Os de “Gonza” non reaccionaron a tempo logo dos dous goles dos locais antes da media hora de xogo. Félix recortou distancias, pero non chegou o empate malia buscalo con insistencia os redondeláns. As únicas vitorias par o fútbol local foron as de Atl. Vilar e Chapela.
Terceira División
Ribadumia 2-1 Choco
Os de “Gonza” están na zona baixa da táboa logo da derrota na visita a Ribadumia nun encontro no que os locais foron moito máis efectivos. Dous goles de Fran Matos en tres minutos, antes da media hora de xogo, encarrilaban o partido para os locais e afundían ao Choco. Despois do paso por vestiarios chegou o gol de Félix, que volvía a poñer aos redondeláns na pelexa, pero malia os cambios do adestrador redondelán, a remontada non foi posible. O Choco non foi quen de atopar oportunidades claras para o empate, malia que no tramo final saltou ao campo o dianteiro centro Kiko Mintegui polo defensa Xisco. Tivo ocasións o equipo de “Gonza”, pero a defensa local evitou o empate. Non chegou o gol, e o Choco volveu de baleiro e ademais cunha sanción. O colexiado expulsou por dobre cartón amarelo a Lazcano nos últimos minutos de xogo, e non poderá disputar a próxima xornada ante o Somozas.Ribadumia: Anxo Expósito, Santi Padín, Aval (Alberto Rei, min. 30), Miguel Vázquez, Bugallo, Manu Santos, Fran Fandiño (Paredes, min. 66), José Rodríguez, Fran Matos, Sanín, Hugo Soto (Pablo Mota, min. 73). Choco: Cortegoso, Davi (Javi González, min. 55), Fiuza, Francisco Fernández “Xisco” (Mintegui, min. 73), Lazcano, Alberto Suárez, Comis, Caloi, Cora, Gabri Palmás, Félix (Zamorano, min. 62). Goles: 1-0, min. 27: Fran Matos; 2-0, min. 29: Fran Matos; 2-1, min. 49: Félix. Primeira Galicia
Castrelos 2-0 Arcade
No Monte da Mina o Castrelos consolidouse como un dos equipos revelación da temporada, e malia que o Arcade tivo numerosas ocasións para lograr o empate, volveu de baleiro. O tanto inicial naceu dunha falta lateral botada por Abraham, que rematou a gol David. Reaccionou o Arcade cun remate de Antolín ao pau tras saque de córner. Na segunda metade o Arcade tivo numerosas ocasións: Antolín, David, Eloy e Dani Bouzón gozaron de ocasións, pero non se materializaron. Borja e Abraham tamén puideron sentenciar, ata que un córner rematado por Yago puxo o 2-0 definitivo. Na próxima fin de semana o Arcade recibe ao Portonovo, situado na parte alta da táboa e cun partido menos.
Primeira Feminina Galicia
Arcadia 0-4 Deportivo Abanca “B”
As mozas de Arcade non foron quen de seguir un ritmo do equipo líder do grupo, que se impuxo sen problemas. O conxunto coruñés, no que milita a redondelá Anita González, gañou no Salgueirón e por goleada. O domingo xogarán ás 18.00 horas en Vigo ante o Alertanavia, equipo situado na parte baixa da táboa.
Segunda Galicia
Louro 1-2 Atlético Vilar
Os de Sanromán están na parte alta da táboa, son 6º logo do triunfo no campo do Louro, rival que coñecían ben. O adestrador está satisfeito co rendemento dos seus xogadores nestas primeiras xornadas, e confía en acadar o obxectivo da permanencia. A próxima xornada recibirán en San Martiño ao Goián, equipo situado no ecuador da clasificación.
Cesantes 0-2 San Adrián
O Cesantes cae ao pozo da táboa logo desta derrota. Spunky e Breixo foron os autores dos goles do San Adrián, ambos na segunda metade. Os locais comezaron ben plantados, pero na segunda metade, os de Cobres foron moi superiores e mesmo puideron aumentar a renda en varias ocasións. O próximo domingo visitan o campo de A Lama, cos anfitrións na metade alta da táboa.
Terceira Galicia
Moledo 0-3 Chapela
O Chapela superou sen problemas ao pechacancelas do grupo, e esta semana preparará o encotnro que levará ao seu campo ao Val Miñor, que suma dous puntos menos que os redondeláns.
Futbol Sala
Terceira División
Campito 1-4 Carballiño
O Campito é o novo pechacancelas do grupo logo da derrota ante o Carballiño, posición da que dificilmente conseguirá saír na próxima xornada. O sábado visitan o pavillón do Bueu, un dos equipos máis fortes do grupo, e que ocupa a 3ª praza.
Estrada Futsal 4-4 Pazos.
Os de Fran Amoedo acadaron un importante empate no pavillón da Estrada. O sábado reciben en Pazos ao Carballiño, que vén de golear ao Campito.
Preferente Sur
Redondela Maramar 2-3 Abetos Gondomar
Os redondeláns non conseguiron puntuar na casa nun encontro moi disputado co Abetos. Na próxima xornada visitan o pavillón do Copefri Beade.