Os veciños levan xa unha semana traballando arreo na colleita da mazá coa que se preparará a sidra e os diferentes pratos que se ofertarán esta fin de semana na XXIII edición da Festa da mazá de Santo Estevo de Negros. O presidente da comisión de festas, Emilio Antón estima que se recolleron 6.500 kilos cos que será posible elaborar máis de 3.500 litros de sidra de gran calidade. A festa celébrase o sábado a partir das 20:00 horas e o domingo, día grande, o produto poderase degustar xa a partir das 11:00 horas.
O Val do Maceiras amosa un ano máis a súa mellor cara ofrecendo quilos e quilos de mazás, produto estrela dunha parroquia que leva xa 23 anos celebrando a festa da mazá. “este ano non temos queixa nin da calidade nin da cantidade” explica Emilio Antón, quen fala de 6.500 quilos recollidos en menos dunha semana entre as 40 persoas que colaboran activamente coa comisión. Arranca agora o proceso de elaborar a sidra e mercar todo os produtos cos que elaborarán de forma completamente caseira, os diferentes pratos que se poderán degustar no recinto da festa ou incluso levar para casa a prezos económicos. O prato estrela é sempre o bacallau con mazá, pero as propostas son moi variadas: empanadas, costela con mazá, lombo á mazá, brochetas de peituga de polo con mazá e para acompañar obrigada a sidra. Para garantir un lugar agradable no que degustar estes pratos hai instalada unha gran carpa nas pistas deportivas de Santo Estevo e non faltará a música a cargo dos grupos de gaitas Airiños de San Simón de Cesantes e Tirapuxa de Trasmañó así como a actuación da charanga a Cabeza non para de Arcade. O trío pentágono amenizará a noite do sábado a partir das 23:00 horas e a quenda o domingo será para o grupo 3.com a partir xa das seis. O pregoeiro desta edición será o humorista da TVG, Isi.