O colectivo artístico-ecoloxista Artelixo de Redondela únese este sábado, día 20, á campaña “Limpa a rúa praia” organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA. Trátase dunha limpeza conxunta dos areais de todo o litoral galego, e está aberta á participación de público de todas as idades.
En Redondela o colectivo Artelixo chama a unha limpeza colectiva da praia de Cesantes.
A cita é este sábado, día 20, ás 10.00 horas, con saída desde o peirao. A actividade está dirixida ao público de todas as idades, e recomendan levar luvas e roupa cómoda. Durante a limpeza un técnico medioambiental explicaralle aos voluntarios por que se realizan as limpezas de xeito manual, e ensinará os valores ecolóxicos que teñen os ecosistemas das praias. Este tipo de xornadas son unha actividade de voluntariado ambiental, pero tamén de “educación ambiental”, por iso desde Artelixo enviaron información desta convocatoria aos colexios do municipio para convidalos a sumarse a esta iniciativa. Non é a primeira vez que Artelixo acomete unha limpeza dun ecosistema danado. De feito, a orixe deste colectivo estivo nos anos 90 coa denuncia do “lamentable” estado da Marisma, e xa teñen organizado limpezas en varias ocasións o río Alvedosa.