Redondela acollerá o sábado día 27, tres mesas sobre o sector impulsadas pola Secretaría de Pesca da Executiva Provincial, nas que se debaterán temas de actualidade ao redor do mar e os seus recursos. Os novos regulamentos da UE, os retos da flota industrial e os problemas da flota do cerco centrarán os debates coa participación de expertos e profesionais do sector.
A cita é no convento de Vilavella, e comezará ás 10.00 horas, coa intervención de Leonardo Cabaleiro, Secretario Provincial de Pesca e Secretario Xeral de Redondela. Na primeira charla, sobre os novos regulamentos da UE, falarán José Blanco, ex ministro de Fomento e deputado no Parlamento Europeo. Ás 11.30 comezará a mesa sobre os retos da flota industrial, con Elena Espinosa, ex ministra de Agricultura e Pesca e Juan Carlos Martín Fragueiro, Director Xerente da Asociación de Armadores de Marín, e como moderadora María Vales, Secretaria provincial de marisqueo e Patrona Maior da confraria de Vilanova de Arousa. Sobre os problemas do cerco falarán Andrés García, representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), José Loira, ex Secretario Xeral de Pesca e Mª Dolores Toja, voceira do Grupo Parlamentario Socialista, con Leonardo Cabaleiro como moderador. A participación é de balde ata completar o aforo, pero é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico ce-pontevedra@psdeg-psoe.org ou no teléfono 986 840 273.