Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

En galego máis aló da morte

RR_Noticias

Medio cento de persoas súmanse ao acto do Servizo de Normalización Lingüística celebrado este domingo no camposanto de Reboreda. Unha actividade enmarcada na campaña “En galego, agora e sempre” que busca promover o uso do galego en necrolóxicas, lápidas e actos fúnebres. O vindeiro domingo día 16 o acto repetirase na parroquia de Ventosela.

As persoas asistentes asinaron a declaración de vontade individual, pola cal escollen o galego como o idioma no cal queren ser lembrados (necrolóxicas, lápidas, actos fúnebres…) e descubriuse unha placa na entrada do camposanto de Reboreda para honrar a quen nos legou a cultura de Galicia.
Unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística que quere así concienciar sobre o uso do galego nos actos fúnebres. Segundo explica Xurxo Martínez, técnico deste departamento municipal “é unha anomalía que persoas que falaron galego toda a súa vida, sexan lembradas con esquelas e lápidas só en castelán”. De feito, só o 1% das lápidas de Galicia están en galego “cando un 80% dos enterrados falaron só galego en vida”.
A campaña promove que os veciños asinen unha declaración pola cal se reivindican seren lembrados en galego ademais de colocarse placas nas entradas dos camposantos de “homenaxe e recordo para honrar aquelas persoas que mantiveron viva a nosa cultura e lingua”. Por outra banda o SNL ten distribuído en negocios relacionados co sector funerario (floristerías, marmolarías…) un tríptico informativo da campaña. O SNL dispón de modelos de documentación administrativa para seguros de vida ou modelos de esquelas en lingua galega.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará