O club de Chapela lidera a liga de Primeira Galicia en solitario no comezo da temporada, e márcase como obxectivo o ascenso a Preferente. O Arealonga FS, con 12 equipos en competición esta temporada, aumentou tamén a presenza feminina no club. O único problema que teñen agora para seguir medrando e mellorando é a falta de instalacións deportivas en Chapela.
O presidente da entidade, Iván Vázquez, amósase moi satisfeito cos bos resultado do equipo sénior masculino, que lidera a Primeira Galega. Contan todas as xornadas por vitorias, e malia que aínda é cedo para facer balance, preséntase como un dos claros favoritos ao ascenso. No club salientan que estes números son froito do bo traballo feito nos adestramentos cada semana, e dunha planificación que comezaron o pasado mes de agosto. Logo da vitoria no pavillón do Pecheches son líderes do grupo, cunha xornada menos disputada. Esta fin de semana reciben en Chapela ante ao Tui Futsal, equipo situado na parte baixa da táboa, con tan só unha vitoria en cinco xornadas. Con todo, para Vázquez a situación actual na clasificación é “anecdótica” xa que queda moita liga por diante. Fútbol sala feminino Nas categorías femininas o club tamén se presenta moi forte esta temporada. Con máis de 30 xogadoras, o Arealonga F.S. conta con dous equipos sénior, en categoría galega e local, e outro cadete. O presidente amósase moi satisfeito con esta situación, e augura “un bo futuro” para o fútbol sala feminino no club. Falta de instalacións Cunha base social ampla e 12 equipos en competicións oficiais, o maior problema do Arealonga é a falta de instalacións. A existencia dun único pavillón na parroquia, que utilizan tamén o Campito e o Balonmán Chapela, complica o reparto de horarios. Vázquez Figueroa sinala que, de existir máis instalacións axeitadas, podería seguir medrando. Apunta que a creación dun pavillón cuberto no IES Chapela ou no novo CEIP Igrexa resolvería o problema.