Logo de encargar un plan de viabilidade ante a caída da facturación, a primeira das propostas para garantir o pago do salarios foi propoñer aos traballadores que asumiran un recorte dun 18%. Ao non aceptar a proposta o seguinte paso foi formular un ERE co despedimento de tres dos cinco empregados cos que conta a entidade. Unha proposta que tampouco saíu adiante, polo que agora está previsto convocar unha nova Xunta Xeral de socios para explicar a situación actual e tentar buscar algunha alternativa que evite a suspensión de pagos.
A confraría de Redondela votaba onte, nunha tensa reunión, un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ante a imposibilidade de seguir afrontando a totalidade do pago dos salarios dos cinco traballadores que realizan as súas labores tanto na oficina como na lonxa.
A medida non saíu adiante, do mesmo xeito que tampouco a proposta anterior que pasaba porque o persoal aceptara unha redución dun 18% nos seus salarios.
Unhas intervencións que buscan unha saída a difícil situación pola que atravesa a confraría logo de experimentar un descenso dun 30% na súa facturación. O patrón maior, Clemente Bastos explica que este ano non se prevé superar o millóns de euros en facturación cando o ano pasado as cifras foron de 1.589.000 euros.
Bastos recoñece que a situación é “complicada” ante esa caída da facturación provocada tamén polo descenso no número de socios por xubilacións así como a caída de embarcacións que no marisqueo a flote pasaron de 70 a tan só 15. Un descenso que tamén se detecta no número de persoas traballando no marisqueo a pé.
Dende a Confraría prefiren ser discretos sobre o futuro da entidade pero insisten en que se intentarán buscar solucións. “Hai dez anos pasouse por problemas semellantes e actuouse para reflotar a situación, confiamos en volver facelo pero é necesario actuar” conclúe Clemente.