150 nenos e nenas, case que o dobre que o pasado ano, participarán no «II Torneo Intercentros de Xadrez», unha iniciativa que busca fomentar o xadrez como ferramenta metodolóxica “para traballar en distintas competencias educativas”. Por primeira vez en España xogarase pro parellas mixtas.
O II torneo intercentros que se disputará diante do Concello de Redondela o venres previo á Festa do Choco, presenta novidades importantes respecto á primeira edición. Por unha banda, no torneo participarán non só centros escolares do municipio de Redondela senón que tamén o farán os de Soutomaior “expandido fronteiras” como se dixo na presentación e abrindo posibilidade de que, en vindeiras edicións, “participen en calidade de invitados outros municipios que contan cunha tradición en xadrez”.
A segunda novidade reside na modalidade de xogo xa que ás partidas individuais “tradicionais” engádense ás partidas para catro xogadores e xogadoras “por parellas mixtas, de cara a fomentar activamente a igualdade”.
O profesor de Matemáticas do IES Pedro Floriani, Miguel Ángel Vidal, explicaba que as partidas de xadrez por parellas tiveron xa unha pequena proba en Zaragoza, pero facíanse “de xeito individual xogando cada participante para si contra os outros tres”. O Torneo Intercentros de Redondela va máis aló e “por primeira vez en España, xogarase por parellas mixtas, é dicir, formando equipo”.
Na presentación deste Torneo entregóuselles aos centros escolares taboleiros de xadrez especialmente deseñados para “as partidas por parellas” e as normas polas que se rexerán as partidas “que son practicamente iguais ás do xadrez tradicional, agás pequenas variacións”.
Vidal subliñaba que o xadrez educativo “está enfocado como unha ferramenta metodolóxica para traballar distintas competencias educativas”. Trátase de utilizar o xadrez para traballar competencias matemáticas, lingüísticas, e fomentar aspectos como a concentración, o silencio, o traballo en equipo, a igualdade e a integración.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Turismo, Daniel Boullosa, sinalaba a importancia deste torneo como medio “de favorecer un intercambio tanto cultural coma turístico con outros concellos que teñan tradición en xadrez”. Boullosa non descartaba abrir esta iniciativa, en vindeiras edicións, “ao norte de Portugal e chegar a convertelo nun Open Internacional nado en Redondela”.
Na súa dobre faceta de alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas agradecía a Miguel Ángel Vidal “que organizara esta edición pensando na igualdade e dándolle visibilidade a través de partidas mixtas”.