O porto de San Adrián de Cobres foi o lugar elixido pola Iniciativa Galega pola Memoria para celebrar, este martes ás 16:30 horas, un acto co que queren demandar da Xunta de Galicia que suspenda a festa de Samain que este xoves organiza na Illa a empresa navieira Nabia. Insisten en que esta actividade, promocionada como “unha auténtica noite de terror en San Simón” é unha burla ás vítimas que debe ser suspendida por respecto aos asasinados e aos que estiveron presos neste lugar.
Familiares de presos que pasaron polo cárcere de San Simón entre os anos 1936 e o 1943 protagonizarán un acto esta tarde, no porto de San Adrián de Cobres para reclamar, en representación tanto das familias dos alí asasinados como dos colectivos da memoria, que esta festa de Samaín “non se leve a cabo por respecto á memoria dos seus antepasados”. Un acto convocado pola Iniciativa Galega pola memoria que busca reunir a representantes do maior número de colectivos posible nun lugar que nos últimos anos serviu de punto de encontro para embarcar cara á homenaxe nacional que anualmente se celebra na Illa de San Simon.
Trasladarán a súa petición ao presidente da Xunta malia que dende a Naviera Nabia, empresa organizadora do evento, aseguran que se trata dunha “actividade, con carácter lúdico-educativo, que ten como principal obxectivo poñer en valor o legado histórico, cultural e natural da illa, neste caso, nunha data sinalada e tradicional en Galicia como é o caso do samain.” Engaden que a actividade desenvolverase “co máximo respecto pola illa e preservando en todo momento este espazo de gran valor histórico”. Conclúen afirmando que todas as propostas incluídas na actividade contan coa autorización da Xunta.