A iniciativa da Concellería de Emprego que nacía hai quince días co obxectivo de reactivar o comercio local, vai sumando adeptos. Establecementos de alimentación, servizos, moda, informática, decoración ou maquinaria agrícola sumáronse a esta proposta que busca poñer en contacto aos consumidores co comercio do municipio, de xeito que os veciños que precisen dalgún produto non teñan que abandonar o seu confinamento ao existiren comercios locais que poden vender a súa mercancía a domicilio.
Unha medida que busca tamén que o pequeno comercio siga co seu negocio logo do duro golpe económico que supuxo o peche establecido polo estado de alarma, ao tempo que ofrece un servizo que os clientes están a buscar en plataformas multinacionais online cando o teñen ao carón da casa.
Fronte ao xigante electrónico Amazon atopámonos produtos de calquera tipo nestes establecementos que seguen traballando tamén en tempo de coronavirus. Peixes e mariscos O Berberecho, froitas Pepita, Carnicería J.L. Rubín, Tía Estébana, ultramarinos A Ponte, pero tamén dietistas, veterinarios, material de oficina e informáticas, tendas de moda e calzado, de decoración ou mesmo maquinaria agrícola sumáronse a esta iniciativa a través da páxina do Concello, onde podemos consultar o xeito de mercar, recoller e pagar os produtos.
A proposta está aberta a novas incorporacións. Para resolver as dúbidas que se poidan presentar, habilítanse tamén dous números de teléfono, operativos de luns a venres e de 9 h a 14 horas: 986 402 664 e 986 400 300.