Co gallo desta conmemoración que neste 2020 se celebra principalmente a través das redes, as Bibliotecas Municipais de Redondela distinguen como vén sendo habitual aos mellores lectores das súas instalacións, é dicir, aos usuario que maior uso realizaron do servizo de préstamo no pasado ano. Os lectores galardoados nesta ocasión son Sheyla Fernández na Biblioteca Valle-Inclán de Redondela e José Lorenzo na Biblioteca Xela Arias de Chapela.
Dous voraces lectores que terán que esperar ao final do confinamento para recibir o seu agasallo, que consistirá nun lote de libros. Por outra banda, durante toda a xornada a celebración deste xoves 23 en memoria da data na que faleceron Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso, trasladouse pro completos ás redes sociais e as ondas radiofónicas. As bibliotecas felicitaron a xornada a través dun cartaz deseñado para a ocasión e tanto os libreiros de Redondela como persoal bibliotecario felicitaron o día de xeito virtual. Tamén a través dunha montaxe videográfica, unha trintena de bibliotecas municipais de Galicia, entre as que se atopan as do noso municipio, compartiron os seus mellores desexos nesta data. E como non, a sección radiofónica na Radio Municipal baixo o nome #quedanacasaeleradio estivo dedicada a esta efeméride.