Suspendidas citas importantes no calendario como a Festa dos Maios, que este ano celebrarase de xeito virtual, ou a festa do Choco, tamén se da por perdida a celebración da festa da Coca. Non así o Entroido de Verán, unha celebración que dende o departamento de Cultura manteñen na data prevista, no penúltimo sábado de agosto “sempre e cando a situación sanitaria o permita”. Tamén se traballa nunha data alternativa para setembro, pero insiste o edil Daniel Boullosa “todo dependerá das autoridades sanitarias e da posibilidade de realizar eventos que coma este congregan milleiros de persoas “.
O programa para ese Entroido de verán está xa en marcha, o cal non quere dicir que a cita se vaia celebrar porque, como é obvio, todo dependerá das directrices que marquen as autoridades sanitarias e como evolucione a pandemia. Dende a Concellería de Cultura son optimistas, insisten en que non se están a programar actividades de cara aos meses de xuño e xullo, pero que si traballan co horizonte de poder recuperar unha programación cultural estable a partir do outono. A primeira das citas sería na primeira semana de setembro o xa posposto Festival Internacional de Títeres pero, unha vez máis, son previsións que non dependerán do Concello senón das autoridades sanitarias.