Logo de que a semana pasada se abrisen ao público as pistas de tenis, con cita previa, a partir deste xoves poderán utilizarse tamén as de pádel. Os pavillóns municipais tamén estarán dispoñibles para adestar “en pequenos grupos”, metres que a apertura das piscinas municipais deberá agardar á Fase 3 da desescalada en función dos criterios que estableza o Ministerio de Sanidade.
O concelleiro de Deportes, Nacho González, sinala que ante a crise sanitaria pola COID-19 “non hai mellor maneira de afrontar a nova normalidade que coa práctica deportiva”. Durante as semanas de confinamento obrigado, o seu departamento difundiu nas redes sociais e na páxina web do Concello diferentes videos para que os veciños puideran facer deporte desde a súa casa. Agora, coa “desescalada” as instalacións deportivas municipais vanse abrindo a medida que chegan as diferentes fases. Desde a pasada semana poden utilizarse as pistas de tenis con cita previa, e a partires deste xoves tamén abren as de pádel. É preciso solicitar cita previa no teléfono 986 400 300. As instalacións abriranse de xeito “gradual”, explica o edil, con estritas medidas de seguridade e hixiene e coa limpeza das pistas entre os partidos. É obrigatorio empregar máscara e luvas ata entrar na pista, desinfectar as mans antes de despois de acceder ao recinto, e evitar tocar os elementos das instalacións. Só poderá haber dúas persoas no interior, e non poden utilizarse os vestiarios nin os aseos.
Pavillóns municipais
En canto aos pavillóns municipais, ábrese a posibilidade de realizar adestramentos “en pequenos grupos”, malia que polo de agora “non hai demanda”. Explica González Lago que será no mes de xullo cando a maioría dos clubes locais retomen os adestramentos de cara á nova temporada, logo de que a alerta sanitaria obrigara a suspender as competicións o pasado mes de marzo. No caso da asociación CAR, o club de atletismo, comezará a próxima semana o traballo, pero será ao aire libre nas instalacións do campo Manuel Conde.
Piscinas
O que descartan desde a Concellaría de Deportes, polo de agora, é a apertura das piscinas municipais. Advirte González que coas actuais limitacións que establece o Ministerio de Sanidade “non é viable” xa que se precisaría moito persoal “para dous ou tres usuarios”. Por iso as piscinas non abrirán ata a Fase 3 da desescalada, “en función dos criterios que establezan as autoridades sanitarias”.
Remo
En canto á Liga Galega de Traiñeiras, que tiña previsto comezar o 27 de xuño con varias citas en augas de Redondela, “todo está no aire”. O concelleiro sinala que os remeiros poden adestrar en terra “en grupos reducidos”, pero facelo no mar resulta moito máis complicado “porque a distancia entre os remeiros na embarcación é mínima, e non resulta seguro”. Polo de agora non se suspende a liga, pero a Federación baralla modificar as datas e que poida celebrarse máis adiante, mesmo rematar no mes de setembro. Á espera da decisión final están no club de Remo de Chapela e o de Cesantes, que compiten na LGB.