O Concello de Redondela pon en marcha un concurso floral no que convida a participar a toda a veciñanza. Unha iniciativa que xurde logo da decisión da Concellería de Cultura de suspender as celebracións das Festas da Coca por mor da crise sanitaria do coronavirus. O certame está aberto a participación veciñal e os traballos máis valorados polos internautas recibirán premios de 100, 75 e 50 euros para realizar compras nas librerías locais.
A Concellería de Cultura anima aos veciños a confeccionar nos seus domicilios alfombras florais lembrando eses tapices que este ano non adornarán as rúas da vila logo de suspenderse a celebración das Festas da Coca que se ían celebrar do 10 ao 14 de Xuño.
As alfombras poderán ser unha imitación das que se adoitan realizar na rúa ou darlle unha volta facendo maquetas, miniaturas… o importante é participar e enviar as imaxes ao enderezo cultura@redondela.gal xunto cos datos da persoa ou persoas que as remiten.
A convocatoria está aberta para todos os colectivos, centros culturais das parroquias e particulares para que a veciñanza poida participar dende os fogares, en familia ou de xeito individual e está aberta ata o vindeiro 9 de xuño.
Os traballos que obteñan máis “me gusta” serán os que resulten premiados.