Anos e anos soportando o fedor procedente desta fábrica de fariñas de peixe ten aos veciños da zona ao borde do límite. Unha situación que teñen denunciado na policía, no concello e nos xulgados sen obter unha solución as súas queixas. Os afectados non descartan mobilizarse para esixir que atendan as súas demandas “non estamos en contra de ningunha empresa, pero non podemos seguir soportando uns cheiros que nos impiden abrir as fiestras e uns vertidos e residuos que son constantes e se teñen agravado nos últimos tempos”. A empresa ten paralizadas as obras de ampliación da planta por carecer de licenza.
Durante toda a semana os residentes na zona trasladaron as súas queixas a Policía Local, quen tras comprobar “in situ” a existencia dos cheiros emite o correspondente informe que trasladan aos responsables políticos. Con todo, os afectados insisten en que “nin este goberno nin os anteriores fixeron nada por solucionar este problema que nos ven afectando dende hai anos”. A situación agrávase coas altas temperaturas, xa que o fedor é máis intenso e impide aos residentes na zona de Rande e Cabanas abrir as fiestras “cando abrimos para airear a casa entra un cheiro tan insoportable que temos que saír fóra, temos que elixir entre abafar coa calor ou soportar un olor pestilente”. Aseguran ademais que nos últimos tempo os residuos e vertidos a ría téñense incrementado.
Ante esta situación aseguran estar “fartos e amargados” en palabras de Venancio Custodio, un dos residentes na zona “estamos pensando en mobilizarnos, subir a estrada e pararlles os camións, porque xa non nos queda outra”. Insisten en que non están en contra da empresa “pero si das molestias que causa: cheiros e vertidos que acaban coa saúde de todos”.