O Concello de Redondela vén de anunciar o lanzamento dunha nova convocatoria de axudas dotada con 110.000 euros e dirixida ao mantemento dos sectores económicos máis prexudicados pola crise da COVID-19. Establécense catro liñas de axudas: para o pago do aluguer, para gastos pola implantación do comercio en internet, por traballos de limpeza e desinfección, ou polo acondicionamento dos locais para dotalos de máis seguridade ante crise do coronavirus.
Á convocatoria, que será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poderán presentarse traballadores autónomos e microempresas de Redondela que tivesen que permanecer pechadas ao público por mor do Estado de Alarma. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que con esta iniciativa tentan, por unha banda, paliar a incidencia que tivo a declaración do Estado de Alarma, minimizando o seu impacto económico e, por outra, “preservar o tecido empresarial, que se viu obrigado ao peche dos seus establecementos, por tratarse de actividades non esenciais”. Estas axudas tratan de evitar, na medida do posible, “situacións de risco ou exclusión social derivadas do peche da actividade comercial e empresarial”. Trátase de impulsar a actividade económica redondelá permitindo ás empresas ter “liquidez” o que favorece o mantemento “da actividade e o emprego”, ao tempo que amortece “a redución drástica de ingresos”. As catro liñas de axudas que se poñen en marcha están destinadas aos gastos de alugueiro do local comercial realizados desde a declaración do estado de alarma ata un máximo de catro meses; gastos asociados á transición cara ao comercio online ou a optimización do existente; gastos no servizo, limpeza, desinfección, e xestión derivadas das medidas para a redución do contaxio polo coronavirus, e por último axudas para financiar investimentos necesarios para acondicionar os locais comerciais e para lograr espazos máis seguros por mor da COVID-19.
Esta liña de axudas súmase á outras medidas posta en marcha no comezo do estado de alarma, como aprazamento, exención e bonificación de determinados taxas e impostos, o peche dalgunhas rúas durante a fin de semana para favorecer a actividade hostaleira e comercial e actuacións de carácter sanitario e hixiénico dirixidas tanto á veciñanza coma aos negocios, poñendo á súa disposición máscaras, pantallas protectoras individuais, luvas, hidroxeles, etc.