Durante un mes os veciños de Redondela terán a posibilidade de dar a súa opinión en dous asuntos de relevancia para a cidadanía. Un referendo popular no que se somete a consulta cales deberían ser os festivos locais de cara ao vindeiro ano 2021 e se o goberno debe manter ou non o peche ao tráfico nas rúas do centro da vila durante as fins de semana. Dende Participación Cidadá animan aos veciños a dar a súa opinión antes do 15 de agosto. Unha participación que pode ser online a través da web do concello ou cubrindo un impreso que deberán entregar no rexistro municipal.
A Consulta está convocada pola Concellería de participación Cidadá e busca dar voz aos veciños que poderán así expresar a súa opinión en temas que lles afectan directamente. Sobre os festivos locais, os participantes deberán elixir dúas datas entres as catro opcións posibles: o Luns do Cristo (12 de abril), o martes de Entroido (16 de febreiro), Xoves da Coca (3 de xuño) e o día de San Xoán (24 de xuño).
En canto ao peche do tráfico nas principais rúas do centro da vila, a rúa Alfonso XII e Ribeira, os veciños poderán incluso suxerir horario e días que entenden son máis axeitados ou rexeitar que se produza ese peche que actualmente ten lugar os sábados e domingos entre as 20:00 e as 24:00 horas.
Para participar compre ter máis de 16 anos e ser veciño de Redondela. A consulta pode responderse online na páxina web do Concello ou ben cubrindo un modelo físico que se poderá recoller nos centros culturais de cada parroquia ou no rexistro municipal, lugar no que deberá ser entregado unha vez cuberto.
Tan só se aceptará unha opinión por persoa e sempre e cando se entregue antes do 15 de agosto.