O Concello de Pazos de Borbén non celebrará a tradicional gala do deporte pola pandemia da Covid19 pero fai entrega dos premios a cada veciño de forma individual. A edición deste ano recoñece especialmente o avance do deporte feminino no municipio, con galardóns a Margarita Piñeiro e Vanessa Rodríguez, xogadoras de fútbol e fútbol sala e ao fundador do Club Cruz de Pazos feminino, Jesús Rodríguez Ubeira.
Malia non celebrar a súa gala do deporte por motivos sanitarios, Pazos quere recoñecer igualmente o mérito dos mellores deportistas do municipio durante o pasado ano. Entre os gañadores destacan clásicos como Xian Albariño, novamente campión galego de BTT, e a gran cantidade de premios destinados a recoñecer o traballo das nenas e mulleres deportistas do municipio.
“A edición dos premios deste ano decidimos dedicala a recoñecer o avance do deporte feminino”, explicou o concelleiro de deportes, Fran Amoedo, que indicou que, “cada ano, o deporte feminino crece e mostra diso é a cantidade de mulleres distinguidas en distintas categorías e deportes”.
Como exemplo, o edil destacou a dúas veciñas de Amoedo, Margarita Piñeiro e Vanesa Rodríguez,recoñecidas polos seus méritos deste ano no que consiguieron respectivos ascensos ás ligas nacionais de fútbol sala e fútbol.
Ademais, como é habitual cada edición, escolléronse aos mellores xogadores de cada categoría nos dous principais clubs do municipio, a SD Pazos e o CD Nespereira. Neste apartado destacan os xogadores da categoría biberón, de 4 e 5 anos, da SD Pazos, o único equipo mixto do municipio e que ademais se proclamou campión da súa categoría.
A mención especial deste ano foi para Jesús Rodríguez Ubeira, gran impulsor do deporte feminino no concello como fundador, presidente e adestrador durante tantos anos do club Cruz de Pazos feminino.
En total, o Concello premiou este ano a 35 veciños do municipio polos seus éxitos deportivos ao longo do 2019.