O Concello de Redondela conta xa co proxecto para a creación dun Parque forestal no Monte Castro de Negros A iniciativa busca a posta en valor deste espazo como lugar de encontro e ocio dos veciños e visitantes respectando o monte sen degradalo e ao mesmo tempo preservar e potenciar os seus valores paisaxísticos, ambientais, naturais, edafolóxicos, culturais e forestais.
O proxecto foi redactado pola empresa Xirela, Servizos Técnicos e obras do rural por un importe total de 8.107 €, coa participación da Deputación de Pontevedra cunha subvención de 6.000 € do Plan Provincial de Parques Forestais. A actuación realizarase en terreos da Comunidade de Montes de Negros cando se lancen novas liñas de subvención para parques forestais e proceder a fase de execución das melloras.
Ante un mundo cada vez máis urbano, o monte desempeña un papel, cada día máis importante, explican dende o Concello, e constitúen un recurso turístico e recreativo polo que é preciso estudar e planificar a función social que desempeñan. Por outra banda, a raíz dos incendios acontecidos nos últimos anos na provincia de Pontevedra considérase necesario a creación dun parque forestal para o posta en valor do monte de Negros. Consciente desta necesidade a Deputación de Pontevedra aprobou unha subvención para redactar o proxecto de creación do parque forestal de Negros, ao abeiro do plan provincial de creación de parques forestais.
O obxecto do presente proxecto é que a parroquia de Negros conte cun parque forestal, sendo este un espazo de uso libre e público de lecer con valores paisaxísticos a preservar e poñer en valor, que abranguen áreas continuas e coherentes e dotado de instalacións integradas de forma respectuosa co medio ambiente de cara a satisfacer as necesidades de esparexemento, xogo, lugar de encontro e ocio dos veciños e visitantes respectando o monte sen degradalo e ao mesmo tempo preservar e potenciar, se cabe, os seus valores paisaxísticos, ambientais, naturais, edafolóxicos, culturais e forestais.
A diversificación de usos e aproveitamentos dotará ao monte dun maior valor e contribuirá a reducir a posibilidade de ocorrencia de incendios forestais e os posibles efectos do lume en caso de producirse.