Os populares aseguran que o goberno local lles denegou o acceso ao Plan de reactivación económica anunciado dende a alcaldía “remitíndonos a unha futura presentación ante a Mesa de reactivación, que nin foi convocada, nin se reúne dende o pasado mes de maio”. Critican que se faga público este Plan sen antes presentalo nin aos diferentes sectores afectados nin aos grupos políticos.
“Pretendíamos coñecer o contido concreto do Plan para poder avalialo e saber si se recollían todas as propostas presentadas polo noso grupo e polos demais compoñentes da mesa de reactivación” explica o popular, Iván Crespo, quen non entende “que se anuncie en prensa antes de ter a aprobación consensuada de todos os representantes dos diferentes sectores afectados e que non se facilite una copia a todos os grupos municipais e distintas organizacións que participaron na elaboración do documento para poder valoralo e traballalo con carácter previo a súa exposición tal e como se acordara na derradeira xuntanza de hai 3 meses”. Crespo lamentou a falta de transparencia do bipartito “que primeiro nos pediu colaboración, e agora nos resposta con propaganda baleira e falta de transparencia ”
Aseguran ademais dende o PP estar “moi preocupado pola tardanza destas medidas” polo que solicitan que se convoque “de inmediato” a Mesa de Reactivación para que canto antes as axudas cheguen ao conxunto dos comerciantes e pequenos empresarios de Redondela.