Veciños de ambas as dúas localidades participaron onte nun acto reivindicativo no que se puideron ver cruces, cirios, esquelas e coroas de loureiro para denunciar o desmantelamento da sanidade pública destes municipios. Un velatorio reivindicativo iniciativa das veciñanzas das marxes do verdugo e apoiado polo BNG de Soutomaior que levan varios meses denunciando os recortes que o SERGAS está a levar adiante nestas vilas.
Este velorio reivindicativo tivo lugar de xeito simultáneo diante dos Centros de Saúde de Arcade, de Soutomaior e de Ponte Sampaio. Ademais das cruces, os asistentes prenderon cirios, pousaron coroas de loureiro nas portas dos consultorios e mesmo fixeron unha esquela que se pegou pola contorna na que anuncian novas mobilizacións en defensa da sanidade pública
Os representantes da Plataforma de Ponte Sampaio-Canivouva destacaron que “A situación que estamos a vivir na nosa parroquia é un sin sentido absoluto no que se algo vai quedando claro é que o SERGAS pretende que as veciñas de Ponte Sampaio queden definitivamente sen consultorio. Cada día poñen unha escusa diferente para ter o consultorio pechado”. Anuncian que con esta acción iniciamos unha batería permanente de iniciativas en defensa da sanidade pública “Non imos permitir que empreguen á saúde dos nosos veciños nin como un negocio nin como unha moeda de cambio como semella pretenden algúns. Ponte Sampaio xa non acepta as chantaxes de ninguén”
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Soutomaior e deputado electo Manu Lourenzo sinalou que “as veciñanzas de Soutomaior e Ponte Sampaio estamos unidos por algo moito máis sólido e contundente que a ponte medieval. Hoxe estamos unidos pola defensa da saúde dos nosos fillos e dos nosos maiores, e por iso no Partido Popular deben saber que isto non fixo máis que empezar e que chegaremos ata onde sexa necesario para impedir que fagan negocio coa saúde da nosa veciñanza”.