A decisión da Concellería de Medio Ambiente de realizar unha retirada parcial das algas que chegan as praias de Cesantes e Arealonga está a provocar as queixas de moitos veciños e bañistas. Con todo, o edil de Medio Ambiente, Roberto Villar insiste en que “as algas non son lixo e que a súa retirada prexudica ao medioambiente e a actividade económica”. Reafírmase na decisión do seu departamento “é unha medida beneficiosa que contribúe a combater a erosión do litoral e a perda de area e favorece a recuperación da vida animal que habita nas praias, de feito estamos vendo como regresan as pulgas de mar que levaban anos desaparecidas deste areal”.
O goberno local decidiu este ano modificar a retirada de algas que tradicionalmente se facía de xeito diario e que perseguía manter os areais libres destes depósitos vexetais. Avalados por estudos científicos, o departamento de Medio Ambiente, decidiu modificar o sistema de retirada que pasa a realizarse alternativamente por zonas, establecendo ademais dúas xornadas de descanso ecolóxico. Iso tradúcese en que tanto a praia de Arealonga, pero sobre todo a de Cesantes, presente a súa area cuberta de algas. Algo que non gusta aos seus usuarios e que está a provocar numerosas críticas. Con todo, Roberto Villar insiste en que non se trata dunha decisión improvisada ou caprichosa, senón baseada en traballos universitarios que evidencian o importante papel destas algas para evitar a perda de area, un fenómeno que é evidente en Cesantes “unha vez extraída da praia, o 80% do peso total procede da area que se retira xunto coas algas”. Ademais ese manto vexetal evita a erosión. Engade tamén o edil os beneficios que estas algas supoñen para avida mariña, xa que os animais que alí aniñan son tamén fonte de alimento para aves e peixes.
Insisten por outro banda en que o lixo está a retirarse: vidros, cabichas, plásticos e todo tipo de material que chega a praia da man do home. Neste sentido fai un chamamento ante a proliferación nos últimos tempos das máscaras para que todo o mundo as retira e sexa coidadoso co seu uso, xa que ademais de supoñer un desperdicio máis que acaba no mar supoñen tamén un risco para os operarios que traballan no servizo de limpeza.