Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Afectados pola planta de Aucosa entregan máis de 1.000 sinaturas para esixir o seu traslado

Veciños afectados entregaron máis de 1.000 sinaturas no Concello

Veciños afectados pola contaminación da planta de Aucosa, en Cabanas, xunto con representantes de colectivos sociais e partidos políticos, acudiron onteao Concello de Redondela para entregar máis dun milleiro de sinaturas coas que denuncian “o fedor e contaminación” da fábrica. Esixen o seu traslado a unha zona industrial “fóra do litoral”.

Os residentes da zona de Rande, Chapela, Cabanas e Trasmañó levan décadas soportando o fedor procedente desta fábrica de fariñas de peixe, e os verquidos á ría. Fartos de denunciar a situación ante o Concello, Seprona, Policía e mesmo no xulgado esixen “unha solución”. Xa puxeron en marcha unha recollida de sinaturas e onte entregaron 1.012 no rexistro do Concello, e seguirán coa campaña todos os martes e xoves. Alberto Martínez, da plataforma de afectados, advirte que os prexudicados pola actividade de Aucosa non so só os residentes da contorna, senón toda a sociedade e o medio ambiente, debido á contaminación que a planta supón para a ría de Vigo. Lamenta que Aucosa está a poñer no mapa esta zona de Redondela “polo cheiro pestilente que bota” que mesmo incomoda aos usuarios da autoestrada AP-9 ao seu paso pola zona. Os veciños séntense “desamparados” logo de décadas soportando unha situación que lles xera mesmo problemas de saúde como “dores de cabeza, mareos, náuseas, vótimos ou estrés”. Afirman que a protesta é “o único xeito” que lles queda para denunciar o que consideran unha “inxustiza”, xa que as administracións non lles dan unha solución.Venancio González sinala que “por responsabilidade” debido á crise sanitaria da Covid-19 prefiren non congregar a moitos veciños, pero preparan un calendario de mobilizacións “para cando a situación sanitaria o permita”.

Contaminación da ría

Advirten que a ubicación de Aucosa, empresa dedicada á fabricación de fariñas de peixe “é incompatible co planeamento urbanístico de Redondela”, e advirte que está a causar unha “desfeita medioambiental na zona”. Estiman que as verteduras de Aucosa á ría supoñen uns 15.000 metros cúbicos ao ano, ademais dunhas emisións de CO2 de máis de 30.000 toneladas ao ano. Culpan a esta contaminación de acabar cos recursos pesqueiros e marisqueiros da zona “unha riqueza da ría da que antes vivían moitas familias”. Denuncian que a empresa siga funcionando “sen ningún tipo de control”. Nos recursos presentados, os veciños inclúen tamén que, ademais de infrinxir a lei de Costas e o Plan Municipal, Aucosa vulnera a Lei do Solo de Galicia. Como consecuencia, os recursos expoñen que na licenza outorgada a Aucosa “concorren causas de nulidade e de anulabilidade”. Desde o Concello de Redondela amosan o seu “apoio total” aos veciños. Con todo, tanto a alcaldesa Digna Rivas como o concelleiro de Medio Ambiente Roberto Villar trasladaron a responsabilidade á Xunta de Galicia “que ten as competencias e foi a que informou favorablemente da instalación de Aucosa”. Villar lembrou que se fixeron informes desde a Policía Local, e tramitáronse denuncias ao Seprona, Augas de Galicia e mesmo no xulgado pola contaminación da empresa e os malos cheiros. O goberno local segue á espera dunha reunión coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental para dar unha solución aos veciños, xa que o Concello defende “o cese da actividade ou o traslado da planta”.

Alberto Martínez, da plataforma de afectados, advirte que Aucosa non prexudica só aos veciños, xa que a contaminación exténdese por toda a Ría de Vigo.
Os veciños séntense “desamparados” logo de décadas soportando “cheiros nauseabundos” que lles están a xerar problemas de saúde.
Afirman que as verteduras de Aucosa “acabaron cos recursos pesqueiros e marisqueiros da zona”.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará