A Asociación cultural entregou dúas solicitudes no Concello e na Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo solicitando a intervención de Patrimonio ante o que consideran un atentado contra o conxunto arquitectónico que conforman a Igrexa de Reboreda e os elementos que a rodean. Denuncian a obra realizada pola empresa Gas Natural quen tería colocado un poste eléctrico de cemento pegado ao muro do templo. Solicitan a súa retirada e que se proceda a soterrar a liña do tendido eléctrico.
Nos seus escritos, Alén Nós denuncia o feito de que “pegado ao muro do adro da igrexa da parroquia de Reboreda a compañía Gas Natural instalou no pasado mes de agosto un poste eléctrico de cemento. Unha actuación que invade o espazo de protección establecido por Patrimonio Cultural o que supón unha agresión grave a este conxunto arquitectónico do adro, pazo de Xoán Manuel Pereira de Castro (Señor de Reboreda), casa parroquial e igrexa de Reboreda. Un conxunto arquitectónico parroquial aparece no catálogo de edificios, elementos e conxuntos con especial protección da Xunta de Galicia.
Por estes motivos solicitan a intervención da delegación de Patrimonio Cultural para analizar e valorar a actuación realizada pola compañía Gas Natural, a retirada do poste eléctrico e que se proceda a soterrar a instalación de cables en toda a contorna da igrexa: desde o Cristo de Arriba (no torreiro da festa) ata o Cristo de Abaixo (xunta o cemiterio).