O concello de Soutomaior, logo de reunirse con representantes do sector da hostalaría do municipio, trasladoulles o seu compromiso de cara a “a evitar que todas aquelas actividades que supoñen unha competencia desleal se axusten á normativa ou sexan eliminadas” en referencia a activiades que realizan os furancheiros. Unha reunión na que se trasladou tamén as medidas acordadas polo concello para favorecer a un sector gravemente afectado pola rise sanitaria como a creación dunha subvención para os recibos de auga e lixo ademais do mantemento da exención para a taxa municipal pola instalación de terrazas.
A bonificación dos recibos de auga e lixo, indicou o alcalde, Agustín Reguera, “incluirase cunha partida específica dentro dos orzamentos municipais do próximo ano, xa que o padrón fiscal deste ano xa está liquidado”. Do mesmo xeito, indicou que se prolongará a exención da taxa municipal pola colocación das terrazas en espazo público como vén facendo desde o 2013.
Control dos furanchos
Ademais das subvencións acordadas nos recibos de auga, lixo e terrazas, os representantes da hostalaría solicitaron ao alcalde diversas accións para regular a actividade dos furanchos. Medidas como o control de horarios, datas de inicio e fin de tempada, tipos e prezos do viño que venden,así como un recoñecemento explícito da cantidade que cada furancho pode ofrecer segundo as hectáreas de viñedo declaradas.
Neste sentido, o alcalde indicou que “traballaremos xunto aos hostaleiros para evitar que todas aquelas actividades que supoñen unha competencia desleal axústense á normativa ou sexan eliminadas”.
Tras o encontro, o alcalde mostrouse satisfeito pola xuntanza lembrando que “a hostalaría é un sector fundamental para a economía local”.