A inauguración da exposición terá lugar este venres ás 12:00 horas no Multiuos da Xunqueira e fai un percorrido pola memoria transexual da cidade olívica nas décadas dos 70, 80 e 90. Unha data que se conmemora tamén dende os Institutos cuxo alumnado participará a través da escrita de diferentes frases relativas á diversidade e á integración que serán serigrafiadas nos bancos instalados o pasado ano en cada centro, e pintados coas cores trans.
“Redondela sempre apostou e apostará pola diversidade e a integración como medios para acadar unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis decente”. Con estas palabras, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, daba a coñecer as propostas que se desenvolverán durante estes días con motivo do Día Internacional da Memoria Trans que se celebra mañá venres.
O acto central desenvolverase no Multiúsos da Xunqueira onde ás 12 horas inaugurarase a mostra fotográfica, “Vigo es nombre de mujer”, unha mostra que fai un percorrido pola memoria transexual da cidade olívica nas décadas dos 70, 80 e 90. A mostra, organizada pola asociación PVLSE, chega a Redondela logo das xestións realizadas pola asociación redondelá Irisar, que con pouco máis dun ano de vida, “desenvolve un marabilloso traballo a prol da diversidade”.
Rivas amosou o seu orgullo “de que unha redondelá e agora traballadora do Concello, Carolina Graña, sexa un dos rostros visibles das persoas trans na exposición “Vigo es nombre de mujer”. Unha muller que, coa súa valentía, amósanos día a día o camiño a seguir para acadar a unha sociedade igualitaria e xusta”.
Por outra banda, e antes as restricións impostas polo Covid, as charlas que se desenvolvían co alumnado nos IES de Redondela, serán substituídas por unha iniciativa do propio alumnado que escribirá frases relativas á diversidade e á integración nos bancos instalados o pasado ano en cada centro, e pintados coas cores trans.
Esas frase serán posteriormente difundidas polas redes sociais municipais como forma de facelas chegar a toda a cidadanía. Unhas actividades que “buscan concienciar á cidadanía sobre a diversidade e a imposibilidade que ten unha sociedade para avanzar, se non é a través da aceptación de liberdade individual de cada quen”.