A día de hoxe hai confirmados 111 casos activos de coronavirus e 328 persoas están en seguimento por seren contacto directo dos contaxiados. Unhas cifras que confirman a tendencia a alza no número de casos que se está a detectar na última semana, cun incremento paulatino dende o pasado luns cando eran 95 os positivos. Ante esta situación o Concello, seguindo as recomendacións da autoridade sanitaria competente, decidía esta tarde pechar o Skatepark e a pista da Xunqueira até que a situación sanitaria permita a súa apertura.
As 17:00 horas de hoxe axentes da Policía Local procedían a precintar a zona do skate park na Avenida Mendiño, así como a pista da Xunqueira, dúas zonas onde seguían xuntándose moitos mozos malia a prohibición en vigor de reducir os contactos aos convivientes e a norma que establece a práctica deportiva sempre de xeito individual.
Unha medida que se suma ás xa en vigor dende que se decretara o peche perimetral de Redondela xunto cos concellos de Vigo, Mos, Gondomar e Porriño e que limita as reunións e desprazamentos a persoas conviventes, a redución de aforos a un máximo do 50% en establecementos comerciais así como a redución de público nas actividades deportivas, co límite de 30 persoas para lugares pechados e de 75 en actividades ao aire libre.
O goberno local decidía nas últimas horas o peche puntual deses dous espacios que é onde se están a producir máis incumprimentos co obxecto de “conseguir frear a liña ascendente no número de contaxios”.