Os vinte alumnos do obradoiro “Redondela Vila Bela III” foron os encargados de recuperar este espazo onde estaba asentada a antiga fábrica téxtil e convertela nun parque con zonas axardinadas que se distribúen ao redor da antiga cheminea de Regojo. Máquinas de coser, carretes de fío ou as afamadas “camisas Dalí”, lembran ao visitante a importancia que tivo esta empresa para o desenvolvemento de Redondela e para a industria téxtil de España.
Uns xardíns, inaugurados este venres coincidindo coa clausura do obradoiro de emprego “Redondela Vila Bela III” nas especialidades de cantería e xardinaría, que contan con 3.000 metros cadrados de espazo distribuídos en socalcos nos que atopamos elementos propios deste sector como agullas, carretes de fío ou máquinas de coser, feitas polos alumnos do obradoiro de cantería.
Un espazo que tamén quere ser lembranza e memoria do pasado da vila e que permite ao visitante coñecer a historia desta fábrica redondelá a través de paneis informativos, elaborados polo alumnado do obradoiro de garantía xuvenil ‘Redondela Sostible’, nos que se recolle a historia e relevancia de Regojo, que nos anos setenta era a empresa máis importante na fabricación de camisas do país, cunha produción de 12.000 prendas diarias e unha rede de máis de 15.000 tendas en España.
Onde estiveron as súas instalacións, agora atopamos esta nova zona para o ocio no casco urbano de Redondela que tamén conta nos laterais con dous espazos de xogos para nenos e adultos. Uns xardíns que se distribúen en torno á cheminea que se conserva da antiga fábrica e que será dotada de alumeado.
Durante a inauguración, á que asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernandez-Tapias, así como membros da familia Regojo e edís da corporación redondelá, a alcaldesa Digna Rivas, destacou que con esta iniciativa o concello de Redondela busca manter o dobre compromiso de “dotar de zonas verdes e de esparexemento para goce da veciñanza e, ao mesmo tempo, poñer en valor a importancia dunha industria como a de Regojo, que foi quen de situar Redondela no mapa de Europa”. Por parte da familia, Pedro Regojo agradecía tanto á Xunta como ao Concello esta obra que “será un recordo para toda a vida da obra da miña familia”.
A alcaldesa agradecía aos participantes nos obradoiros así como á dirección “o extraordinario traballo realizado”. Unhas felicitacións que tamén chegaban da delegada territorial da Xunta quen facía fincapé na importancia destes obradoiros de nove meses de duración, que permiten alternar a formación para o emprego coa practica laboral, contribuíndo así a inserción laboral das persoas desempregadas.