Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Couñago pide “altura de miras” á corporación na súa despedida

PlenoSusana

O proceso de renovación de AER comezou onte coa renuncia de Susana Couñago, ata agora concelleira de Participación e Transparencia, que presentou a súa dimisión no pleno ordinario celebrado onte de xeito telemático. A Agrupación de Electores explica que a renuncia da que foi a súa cabeza de lista nas eleccións municipais encádrase no proceso de renovación que tradicionalmente fai a formación na metade do mandato “para evitar que as persoas se perpetúen no poder político”. Couñago despediuse na sesión celebrada facendo balance do seu paso polo Concello, onde AER forma parte do goberno en coalición co PSdG. Recoñeceu que logo de case dous anos, a experiencia déixalle “un sabor agridoce”, xa que se ben puxo en marcha cambios nos departamentos dos que era responsable, “non se obtiveron os resultados pretendidos”. Explicou que “se puxeron en marcha distintas iniciativas, pero queda moito por facer” en materia de Transparencia e Participación. Couñago lamentou o ambiente de “crispación e confrontación política” cos grupos da oposición, xa que “os adversarios políticos non teñen que ser inimigos” dixo, e pediu a toda a corporación “altura de miras” para traballar polo ben común da veciñanza “nun momento de crise durísima no que os políticos teñen que buscar solucións, e non crispar máis a situación”.

Susana Couñago, ex concelleira de AER

Desde o PSdG como alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu o labor feito por Couñago neste tempo de mandato, e no plano persoal afirmou que ten nela “unha amiga”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Tamén desde o PP a voceira Carmen Amoedo desexoulle “o mellor” no plano persoal, malia recoñecer que en política están “nas antípodas”.

Carmen Amoedo, voceira do PP

O seu compañeiro de agrupación, Roberto Villar, aproveitou a sesión para facer tamén unha emotiva despedida a Couñago. O concelleiro falou dela como unha “valente” e amosou “o orgullo de ser distintos” en alusión a súa pertenza a AER.

Roberto Villar, concelleiro de AER

O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, co que Couñago mantivo enfrontamentos directos en sesións anteriores, tamén tivo bos desexos para ela na súa despedida. O edil do BNG explicou que xa mantiveran unha “conversa privada” que Susana Couñago tamén agradeceu. A ex concelleira será substituída en marzo por un dos seguintes candidatos da lista electoral de 2019, comicios nos que AER logrou tres concelleiros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará