Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Xela a Diario”, unha homenaxe radiofónica de Redondela a Xela Arias

dav

As Bibliotecas Municipais de Redondela poñen en marcha, baixo a dirección da narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini, unha homenaxe radiofónica, a través das ondas da Radio Municipal de Redondela, á autora Xela Arias á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. María Xosé Villar, responsable da biblioteca Xela Arias de Chapela, lembra a vinculación deste municipio coa escritora, que foi mestra no IES Chapela.

María Xosé Villar, responsable da Biblioteca Xela Arias de Chapela

O programa, que comezará a emitirse o vindeiro luns, 5 de abril, leva por nome “Xela a Diario”, unha chiscadela á obra “Darío a diario”. Cada espazo, duns dez minutos de duración, recolle unha breve contextualización sobre a vida e obra da escritora e a lectura dos seus poemas na voz da propia Ana Facchini e de distintos persoeiros do mundo da cultura. María Elena Becerra, responsable das bibliotecas municipais, anima tamén a calquera persoa que o desexe a enviar os seus audios aos enderezos bibliotecaredondela@redondela.gal ou bibliotecachapela@redondela.gal.

María Elena Becerra, responsable das Bibliotecas Municipais de Redondela

O espazo poderá escoitarse en Radio Redondela durante todo o mes de abril, de luns a venres, ás 11.00 horas e despois dos informativos das 14.00 e as 17.00 horas. Nas fins de semana o programa poderá escoitarse en Radiofusión a través da Rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Tamén poderá seguirse a través da web www.radioredondela.com e nas redes sociais.

O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer ao público en xeral tanto a produción poética como o resto da traxectoria profesional de Xela Arias; en especial, aquelas facetas máis descoñecidas, pero tamén ofrecer unha aproximación “á Xela muller e ao seu lado máis humano”.

O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, agradeceu a colaboración de todas as persoas que fixeron posible este proxecto “tanto os servizos municipais implicados, como a narradora Ana Facchini, numerosos persoeiros do mundo da cultura, o grupo de música A Banda da Loba e á propia familia de Xela Arias”.

Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura

A programación especial sobre Xela Arias continuará no mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras galegas que este ano homenaxea á poeta, editora e tradutora de Sarria.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará