O Concello de Soutomaior acaba de lanzar unha nova iniciativa para impulsar o consumo no comercio e a hostalaría do municipio. A campaña de promoción inclúe o agasallo dunha planta ornamental por cada 25 euros de compras realizadas entre o 9 e o 29 de abril. Para participar só será necesario presentar os tickets de compra orixinais no momento de recoller o agasallo. Así, a iniciativa inclúe a todos os establecementos comerciais e de hostalaría do municipio coa única exclusión dos supermercados pertencentes a cadeas comerciais. Serán válidos os tickets, sempre orixinais, de calquera importe até sumar un gasto de 25 euros. Os interesadas en participar deben presentar os tickets e o seu DNI na carpa situada na Alameda de Talo Río, en Arcade, o venres 30 de abril. O horario será de 11.00 a 14.00 horas e pola tarde de 17.00 a 20.00 horas. O sábado, 1 de maio, estarán de 11.00 a 14.00 horas. Só se poderá recibir un máximo de 2 plantas por persoas participante. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, sinalou que a situación económica de moitas empresas “está ao límite pola pandemia, non só na hostalaría”. Por iso esta campaña está aberta a todo tipo negocios.