Hoxe debátese no Parlamento galego a proposta do BNG para realizar a segunda fase do IES Soutomaior. A formación nacionalista xa presentara anteriormente unha emenda de 600.000 euros aos orzamentos da Xunta de Galicia para levar a cabo esta ampliación, proposta que foi rexeitada polo PP. O instituto, inaugurado en setembro de 2018, quedou pequeno pouco despois para cubrir a demanda, segundo denuncia o BNG, que reclamara xa desde o proxecto de construción máis metros cadrados, un maior número de aulas, salón de actos e outras instalacións como un patio cuberto “que permita ao alumnado pasar os recreos fóra das aulas cando o tempo non é favorable”. A falta de espazo tamén afecta á matriculación do novo alumnado. A demanda de prazas dende os centros de adscrición directa (o CEIP Manuel Padín Truiteiro e o CEIP de Ponte Sampaio) excede a oferta do centro “ polo que gran parte do alumnado de escolas próximas non pode acceder ao IES Soutomaior”. O BNG fai fincapé na gravidade de que un instituto de só tres anos de antigüidade “estea a experimentar tantas modificacións na súa estrutura”, polo que demanda “a ampliación definitiva do centro”. Estas necesidades serán levadas hoxe ao pleno do Parlamento polo deputado Manu Lourenzo, voceiro municipal do BNG.