Tan só 24 horas despois da súa inauguración, o monumento aos represaliados do franquismo instalado no Alto da Concheira foi retirado. Sorpresa e malestar por parte da veciñanza ante esta situación, que desde o Concello de Redondela xustifican pola necesidade “de axustar a base da escultura por un problema de desnivel na rúa”. A obra, realizada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, foi trasladada por un camión de volta á Caeira (Poio) para corrixir ese desnivel. A escultura, de 5 toneladas de peso, “estará de volta no seu emprazamento o vindeiro luns” segundo explicou esta mañá a alcaldesa Digna Rivas.
Os grupos políticos da oposición criticaron este feito, malia que cun ton diferente. O BNG manifesta nas redes sociais o seu “malestar” pola retirada do monumento. O grupo nacionalista acolleu “con grande satisfacción” este recoñecemento ás vítimas da represión. A súa retirada 24 horas despois da inauguración é para o Bloque un feito “lamentable e vergoñento”. Desde o BNG confían en que “á maior brevidade posible” se restitúa o monumento. Desde o PP tiran de crítica á alcaldesa, Digna Rivas, “por inaugurar o monumento sen rematar, á présa e correndo para saír na foto”.
O monumento fora inaugurado no Alto da Concheira o mércores,14 de abril, coincidindo co 90º aniversario da proclamación da II República. Nas inmediacións dese lugar foron asasinadas 21 persoas pola represión franquista. A peza escultórica de granito está composta por tres grandes siluetas humanas cun burato no peito.