Este servizo garante “unha atención alimentaria a domicilio equilibrada e de calidade”. A través deste servizo, levarase a comida ás vivendas das veciñas e veciños de Pazos de Borbén, especialmente a maiores, dependentes e persoas en situación ou risco de exclusión social que previamente sexan seleccionadas polos servizos sociais do Concello. Realizarase unha única entrega á semana para os sete días, incluídos festivos e fins de semana, polo que soamente deberán quentala antes de consumila. Ademais, a aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaráselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe co alcalde, Andrés Iglesias, a adhesión do municipio a esta iniciativa. O servizo entrará en funcionamento con sete usuarios e coa posibilidade de sumar novos beneficiarios. Rodríguez sinalou que ademais de ofrecer unha dieta axeitada, este servizo “permite facer un seguimento da situación que viven e actuar por medio dos servizos sociais municipais ante posibles incidencias”. Esta iniciativa está implantada xa en 186 municipios de toda a xeografía galega e ten preto de 1700 beneficiarios. Esta prestación está financiada pola Xunta de Galicia, que sufraga o 50% do prezo dos menús, os Concellos achegan o 25% e o outro 25% corre a cargo das persoas usuarias.