A exposición, que pode verse na Alameda Castelao, lembra ás mulleres “valentes e solidarias” que axudaron aos presos de San Simón entre 1936 e 1943. Veciñas de Redondela e outras parroquias do municipio “que puxeron en perigo a súa vida na dura época da represión para axudar a outros”, explicaba a alcaldesa, Digna Rivas, na inauguración da mostra. Palmira Estévez, Carmen e Peregrina López, Purificación Martínez, Ceferina Docampo, Josefina Barciela ou María Castro son algúns dos nomes das 55 mulleres que se recollen nesta exposición dentro dos actos organizados polo Concello de Redondela co gallo este 2021 do “Ano das Mulleres da Illa de San Simón”. Na inauguración da mostra a alcaldesa, Digna Rivas, salientou que se saldaba así “unha débeda” que Redondela tiña con elas. “Estas mulleres teceron unha rede solidaria en tempos moi difíciles e hai que sentir orgullo do seu labor”, sinalou Rivas.
Coñecidas como “lavandeiras” ou “madriñas”, Rivas lembrou que estas mulleres non se limitaban a lavar a roupa dos presos da illa, senón que “tamén lles levaban comida, medicamentos, e servían de intermediarias para levarlles a correspondencia das súas familias dando mostras dunha gran humanidade”
Na inauguración participaron concelleiros da corporación e tamén familiares das mulleres homenaxeadas. Celestina Rodríguez, lembrou como a súa nai e a súa tía (Carmen e Peregrina López) axudaban aos presos da illa lavándolles a roupa e levándolles comida e as cartas dos familiares. “Eran momentos moi duros, e tiñan que privarse elas do pouco que tiñan para levarllo”, explica Tina.
Lembra con cariño que cun dos presos aos que axudaban, natural de Bilbao, seguiron mantendo relación despois de sair do cárcere durante décadas “e os seus fillos seguiron visitando á miña tía en Cesantes” sinala orgullosa Tina.
Tamén Manolo Conde lembra a historia da súa nai, Ceferina Docampo, “unha muller moi implicada en axudar aos presos da illa”. E conta con pesar que ela “nunca puido coñecer en persoa ao recluso ao que lle levaba roupa e comida”.
A exposición fotográfica permanecerá na Alameda Castelao ata finais do mes de maio, e logo terá carácter itinerante polo resto das parroquias para que toda a veciñanza poida vela. En xuño trasladarase a Cesantes, e ao longo de verán percorrerá outras zonas do municipio. Rivas agradeceu o traballo de persoas e colectivos que fixeron posible esta mostra, como o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, o Colectivo Republicano, fotografía Cal 3, Cecilia Orge, Antonio Orge, Manolo Puga ou o técnico do Servizo de Normalización Lingüística Xurxo Martínez, entre outros.