O Concello pide á Xunta de Galicia unha rectificación das declaracións nas que culpa ao goberno local de “non interesarse” polo convenio para a reforma da Avenida Mendiño.
O Concello de Redondela pedirá, a través dunha moción presentada polo grupo muncipal socialista, que “a Xunta de Galicia proceda a desmentir as afirmacións escritas nas súas misivas acusando ao goberno local de non interesarse nin realizar os trámites necesarios” para continuar coa sinatura do convenio de reforma da Avenida Mendiño. A rexedora, Digna Rivas, considera “insultante” que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, respondendo a unha pregunta formulada no Parlamento polo PSdG, afirme que o Concello de Redondela non procedeu a remitir a retención de crédito precisa, “un trámite debidamente realizado, enviado e recibido pola Consellería hai máis de seis meses”, afirma a alcaldesa. Advirte que dende a chegada ao Concello o goberno local interesouse de forma “inmediata” da situación desta obra. Lembra que a reforma da avenida Mendiño “foi presentada en Redondela pola conselleira acompañada do ex-alcalde do PP nas vésperas das eleccións municipais e asegurando que o proxecto xa estaba redactado e as obras sería contratadas ese mesmo verán de 2019”. O interese do novo Goberno de coñecer a situación do procedemento viña dada porque, unha vez no Concello, o executivo entrante “constatou a inexistencia de ningún tipo de documentación sobre dita obra”, aclara Digna Rivas. A partir dese momento, comezan os envíos continuos de oficios dende o Concello á Xunta de Galicia, solicitando información sen que se dera contestación por parte da administración autonómica. No ano 2020 as comunicacións á Consellería por parte do Concello son continuas “interesándose pola situación do convenio que o Concello de Redondela aceptaba todas e cada unha das condicións que a Xunta enviaba, incluída a retención de crédito que tería que achegar o Concello”, apunta a alcaldesa. A contestación da conselleira á pregunta do Grupo Parlamentario Socialista que o Goberno local non emitira a retención de crédito “que eles tiñan no seu poder dende hai mais de seis meses, é un insulto intolerable en calquera circunstancia, pero máis se quen o fai é a administración autonómica”. Para o Goberno redondelán a actitude da Xunta en todo este proceso “está moi ao marxe do que debe ser unha relación administrativamente e que as continuas faltas de respecto ou os continuos desplantes realizados á Alcaldía, non son máis que unha mostra do partidismo dunha Xunta de Galicia que boicotea, sistematicamente, ao Concello de Redondela”. O goberno local chama a atención sobre “o silencio cómplice” do PP de Redondela que “que mira para outro lado”.