A XXII edición do festival desenvolverase do 1 ao 5 de setembro e contará coa presenza de 25 compañías procedentes de Rusia, Francia, Madrid, Castela e León, Valencia, Cataluña e Galicia. Máis de 40 actividades con aforos limitados para garantir a seguridade sanitaria. As entradas estarán a venda a partir do mércores no Multiúsos en horario de 10:00 a 13:00 horas a un prezo de 5 euros. Tamén será preciso mercar entrada para as propostas de rúa a un prezo simbólico de 1 euros.
O Festival Internacional de Títeres (Memorial Juanjo Amoedo) repite nesta XXII edición a súa celebración en setembro con actividades para grandes e cativos que se desenvolverán do 1 ao 5 de setembro. Unha programación intensa que segundo o director do festival, Luis Crespo aposta por dar máis peso aos espectáculos orientados ao público adulto na sala e ubicar as propostas para todos os públicos no exterior. O público poderá tamén manipular aos monicreques no Retablo Mecánico que a compañía catalan Peus de Porc instalará na praza do Concello.
Os redondeláns Tanxarina, Alauda Teatro de Castela e León ou os valencianos de Bambalina Teatre son algúns dos grupos participantes nun programa que non esquece a presenza internacional malia as dificultades impostas polo Covid coa inclusión no programa dos franceses Teatro Saco de Huesos e os rusos The Fifth Wheel.
O edil de Cultura Daniel Boullosa lembraba que o festival é produto dun traballo que se desenvolve practicamente ao longo de todo o ano “cinco días despois de clausurar a edición anterior, os organizadores xa estaban a traballar nesta”.
Unha presentación que contou tamén con representante doutras administracións. Así, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, poñía o acento na necesidade de poñer ne valor “a profesionalidade dos organizadores que seguen pensando e repensando para que se poidan desenvolver actividades como estas malia as condicións impostas pola pandemia” e a deputada, Mª Victoria Alonso amosaba a súa satisfacción 2por poder colaborar nun festival que foi quen de atopar un oco que estaba baleiros e que logo de 22 edicións xa está máis que asentado”.
A alcaldesa Digna Rivas, animaba a todos os veciños e veciñas a participar nas actividades programadas e insistía en que unha das máxima tanto do festival como das actividades que se organizan dende o concello é garantir “unha cultura segura”.
Programación de sala
A programación de sala dará comezo o mércores 1 de setembro ás 20:00h coa obra Fábulas da montaña, unha proposta que combina varias técnicas de manipulación e música ao vivo no que a vasco-galega Larraitz Urruzola fai un repaso polos contos que Concepción Arenal escribiu trala morte do seu pai. O xoves, no mesmo auditorio do Multiúsos da Xunqueira e á mesma hora, Moving Compass escenificará a historia da meiga Gaia Baba, e o venres será a quenda dos valencianos de Bambalina Teatre Practicable, coa súa particular versión do Quijote.
Os franceses de Teatro Saco de Huesos protagonizarán a fin de semana coa pre-estrea de Edgar, que poderá verse no auditorio o sábado ás 20h e o domingo ás 19:00h. Nesta montaxe, a compañía fundada por Ángel Navarro inspírase no universo de Edgar Allan Poe nos seus últimos anos de vida para percorrer as rúas dunha Nova York chea de sombras.
Monicreques e música nas rúas dende o xoves
A partir do xoves, 2 de setembro, as rúas da vila volverán a encherse do mellor teatro de monicreques con dúas funcións a cargo de Tanxarina e os rusos de The Fifth Wheel. O escenario do Salgueiral acollerá o Titiricircus da premiada compañía redondelá ás 18:00h, mentres que no Paseo da Xunqueira poderá desfrutarse do Cabaret sobre fíos ás 19:00h. Esta montaxe, onde os números musicais vanse sucedendo como se dunha viaxe se tratase, propón un fermoso percorrido polo mundo e a súa diversidade, e poderá verse tamén o venres ás 18:00h no mesmo emprazamento. Alauda Teatro, de Castela e León, comezará unha hora máis tarde, ás 19:00h, con Cristóbal Purchinela no Salgueiral.
Xa o sábado e domingo, os días fortes do Festival, as principais prazas da vila ateigaranse de monicreques e música cunha multiprogramación, en espazos e horarios, cos espectáculos de Mircromina Teatro de Títeres, Alauda Teatro, Le Guignol Orthopédique, Uxía Lambona e Banda Molona, Les Grandes Personnes, Educateatro, Opakark, Turre´s Band, Spaghetti Títeres, Cachirulo Títeres, Cazando Gamusinos Teatro, As Efémeras, Paporrubio Cía, Los Dixie Kings e a Fanfarria Taquikardia.