Redondela seguirá polo de agora no nivel alto de restricións ao non lograr baixar unha incidencia acumulada que supera os 500 casos por cada 100.000 habitantes. A día de hoxe e segundo a última actualización do Sergas o número de positivos diagnosticados no municipio nos últimos 14 días ascenden a 237. Isto supón que nos locais de hostalaría mantense o aforo do 50% nas terrazas e dun 30% no interior. O concello de Soutomaior mantense tamén no nivel alto (34 positivos), mentres Pazos de Borbén (21 diagnosticados) se sitúa no nivel medio e Fornelos de Montes no máis baixo. A cidade de Vigo segue tamén no nivel alto de restricións.
Punto de activación de Chave365 e obtención certificado de vacinación
O Concello de Redondela, en colaboración co Sergas, vén de habilitar un punto de obtención do certificado de vacinación COVID-19 e activación da Chave365, unha identificación persoal e segura que permite o acceso ao servizo É-Saúde.
Trátase dunha páxina de interacción directa entre as persoas usuarias e o Sergas, a través da que se poden realizar, de xeito seguro –de aí a necesidade de posuír as claves de Chave365– diversos trámites relacionados coa saúde como petición de citas ou seguimento das xa solicitadas, consulta de historiais ou medicación activa entre outros moitos.
A oficina, que estará operativa ata o 31 de agosto, está instalada no multiúsos da Xunqueira en horario, de luns a venres, de 8 h a 14:30 horas. Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 986 40 28 65