Os lumes forestais comezan a preocupar en Galicia logo dun verán relativamente tranquilo no que non se detectaron grandes incendios. As temperaturas suaves e as chuvias intermitentes que nos acompañaron tanto no inicio de agosto como en xullo axudaron a controlar unha lacra que nos azouta ano tras ano. Con todo, logo dunha semana de altas temperaturas e tempo seco a situación podería complicarse. De feito, nas últimas horas xa se calcinaron máis de 20 hectáreas nun incendio en Rois que aínda non está sufocado pero si estabilizado.
Centos de persoas traballan arreo dende o Servizo de Prevención e Extinción contra incendios para evitar estes lumes que arrasan co noso monte e que tamén se levan vidas por diante. Amparo Cabaleiro Amil, veciña de Redondela, é vixiante forestal no distrito Vigo-Baixo Miño. A súa labor consiste en controlar os montes da zona e alertar en canto detecta calquera fume sospeitoso para que se poña en marcha unha cadea que inclúe o envío de efectivos e medios para evitar que eses lumes vaian a máis.
Uns traballadores que se teñen que enfrontar a situación complicadas “cando ves que o lume se achega a caseta ou cando un incendio se achega as vivenda, nese caso hai que priorizar as vivendas e as persoas antes que o monte”.
Malia que xa estamos na segunda quincena de agosto nada impide que todo empeore “ten habido anos onde logo dun verán tranquilo o mes de outubro foi desastroso, con centos de hectáreas queimadas” e fai un chamamento a prudencia “non se pode queimar en período de risco, hai que ser responsables non só pola sanción á que nos enfrontamos no caso de incumprir a normativa, senón porque é moi doado que unha pequena queima se descontrole e provoque un incendio”.