Un dos guitarristas máis destacados do panorama musical nacional, Pedro Andrea actuará o sábado 21 en Redondela nun concerto que arrancará ás 21:00 horas na Finca do Carballo das Cen Pólas de Reboreda co grupo pontevedrés Mr. River.
O prato forte desta actuación será Pedro Andrea, un dos guitarristas máis destacados e innovadores do panorama e de recoñecementos internacional, sendo un dos colaboradores de Santana. Conta con 16 discos no seu haber e mesmo un deles cantado no que el pon a voz e no que colaboran Miguel Bosé, David Summers, Antonio Vega e Teo Cardalda.
Os encargados de inaugurar esta xornada musical, ás 21.00 horas, serán os pontevedreses de Mr. River, unha banda que conta con Miguel del Río, como compositor e guitarra; Santi Mar, no baixo e Marcos Corbacho, na batería. Asiduos dos principais festivais de jazz, como o de de Armenteira ou Ponteareas, no grupo conflúen diferentes estilos musicais como jazz, blues, música tradicional galega, funk, flamenco con influencia de diferentes artistas e músicos internacionais.
O presidente da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda, Javier Sotelo, anima aos veciños a se achegar a unha xornada dedicada ao Jazz cun concerto que busca promover tamén este estilo de música na nosa programación cultural, unha cita que confía teña continuidade e que arrancaba o ano pasado coa actuación de Alberto Vilas.
Colaboran nesta actividade o Concello de Redondela, o Xacobeo e a Deputación de Pontevedra.