As obras terán un prazo de execución de 4 meses e contan cun orzamento de 175.329 euros. As novas oficinas serán totalmente accesibles e contarán con elementos que garantan a súa eficiencia enerxética. Mentres dure a reforma os usuarios do servizo serán atendidos nunhas oficinas provisionais habilitadas no Multiúsos da parroquia.
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato de servizo para a obra de “Acondicionamento, adaptación e mellora enerxética” das dependencias de Servizos Sociais de Chapela, último trámite para que os traballos poidan comezar o mes de setembro. A obra foi adxudicada á empresa Impervelper, S.L. cun orzamento de 175.329,00 euros (IVE incluído) con cargo aos fondos EDUSI Redondela 2020.
Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses e, mentres duren os mesmos, as persoas usuarias dos servizos sociais de Chapela serán atendidas nas oficinas provisionais que o Concello está a acondicionar no multiúsos da parroquia.
Dada as especiais condicións de privacidade que a prestación dos servizos sociais require, ditas dependencias provisionais serán independentes do resto de servizos do multiúsos contando, incluso, cunha entrada aparte do resto da instalación.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia das obras que están a piques de comezar xa que, asegurou, “permitirán que tanto persoas usuarias como persoal municipal, poidan contar cunhas instalacións axeitadas, modernas, funcionais e deseñadas especificamente para esta función”.