Intensas xornadas as vividas polos axentes da policía local, que tiveron que enfrontarse a numeras saídas para atender a incidentes varios acontecidos en Redondela. Un dos detidos incluso acabou na comisaría da policía nacional en Vigo logo de dar unha puñada a un axente. Interviuse tamén nun accidente de tráfico en Saxamonde, desaloxouse un botellón na praia de Cesantes e detívose a un varón por presunto delito de violencia de xénero en Chapela.
A agresión a un axente producíase logo da detención dun varón que na noite do venres estaba causando danos en vehículos estacionados na Avenida Mendiño. A policía trasladábase ao lugar logo de recibir numerosas chamadas que alertaban da presenza dun home ensanguentado e que presentaba unha conduta violenta. Unha vez localizado o home negouse a identificar e acto seguido propinou unha puñada a un dos axentes, sendo detido e trasladado a comisaría da Policía Nacional en Vigo.
A este suceso seguiríanse outro como a detención doutro home por violencia de xénero en Chapela ou o desaloxo dun botellón na praia de Cesantes.
Procedeuse tamén a deter a un varón por roubo con violencia dun vehículo en Salcedo, sendo interceptado e detido no centro de Redondela. A maiores, tamén resultaría sancionado por arroxar un resultado positivo na proba de alcoholemia e por conducir sen contar co permiso en vigor.
Accidentes e alcol
Na mañá do sábado producíase tamén un accidente de tráfico vinculado co consumo do alcól. Producíase en Saxamonde, consistente nunha saída de vía con posterior envorco do único vehículo implicado.
Ao lugar acudiron dúas ambulancias do 061 e a Garda Civil de tráfico, resultando investigado o condutor e único ocupante, por un presunto delito contra a seguridade viaria ao arroxar un resultado positivo nas probas de alcoholemia.