O tanque de tormentas “sería o encargado de almacenar o exceso de caudal de auga do colector xeral durante a fase de chuvias e de devolver ese volume á rede xeral mediante un bombeo”. O obxectivo é evitar que a depuradora se sobrecargue e verta augas sen depurar na canle do río. Trátase dun proxecto ambicioso e necesario para o municipio, que consta de cinco fases, e está valorado en oito millóns de euros
A Concellaría de Medio Ambiente vén de recibir o informe previo solicitado a Aqualia en abril deste ano para analizar as alternativas necesarias para a redución dos alivios da rede de saneamento. Neste estudo, que pretende evitar a sobrecarga da rede en Redondela e solucionar os problemas de contaminación no río, inclúe un ambicioso proxecto que consta de cinco fases na que destacaría a instalación dun tanque de tormentas na rede de saneamento do Concello. As obras previstas nestas fases, estimadas en máis de oito millóns de euros, inclúen: caracterización de caudais de augas pluviais, desvío destas a cauces naturais, tanque de tormentas, colector xeral de pluviais e ampliación da rede de pluviais.
Segundo Roberto Villar, concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, “este é un proxecto de calado, fundamental para Redondela e ten que ser executado antes de seguir ampliando a rede de saneamento do municipio. Sabemos que é unha obra custosa, que require de tempo pero a nosa proposta é que debería empezar a executarse xa con algunha das primeiras fases no ano 2023”.
A proposta de ubicación para o tanque de tormentas, según propón o informe encargado pola Concellaría de Medio Ambiente, sería “baixo o aparcamento situado nas inmediacións da EDAR e contaría cunha capacidade duns 2.500 m³”.
Outras obras contratadas
Desde a Concellaría de Medio Ambiente destacan tamén que, a escasos días de abandonar o goberno, deixan contratadas as seguintes obras de saneamento no municipio: en Albagueira, na parroquia de Trasmañó, no Camiño A Costa en Chapela (proxecto fundamental para solucionar o problema de contaminación de dez vivendas que verten directamente ao río desde hai xa 40 anos) e quedan listas para contratación as obras de saneamento en Torres de Agrelo, mellora moi importante xa que tiñan un informe desfavorable de Patrimonio, polo que se debeu cambiar o trazado para levalas a cabo.