Hai en marcha unha recollida de sinaturas para evitar que se realicen novas cortas nunha zona de alto valor ecolóxico nas inmediacións do Río Fondón e que suporía un ataque máis ao patrimonio natural logo da tala de 5.000m2 que tivo lugar semanas atrás. A Asociación de veciños de Chapela fai ademais un requirimento público a Augas de Galicia e a Medio Rural, organismos da Xunta responsables da concesión das autorizacións das talas, para que non permitan a destrución do noso patrimonio.
O bosque de ribeira do Fondón está cualificado como de “valor ecolóxico” polo Plan de Ordenación do Litoral (POL). Un bosque de gran beleza e moita biodiversidade, con sobreiras de gran porte, aveleiras, amieiros, bidueiros, carballos, castiñeiros e con especies arbustivas protexidas como a xilbarbeira ou rusco. Veciños de Chapela e Trasmañó foron os primeiros en dar a voz de alerta logo de decatarse de que unha corta se levara por diante cinco mil metros cadrados de bosque. Saben que hai risco de que se produzan novas cortas que afectarían a outras parcelas nas que se atopan especies de gran valor “así como unha sobreira de máis de 200 anos”.
A Asociación de Veciños súmase a esta reivindicacións para evitar estas malas prácticas que inclúen o uso de maquinaria pesada en contornas sensibles, destrozando camiños e degradando os solos, de forma que a erosión provocada polas choivas causa o embarramento de estradas. Alertan tamén que a corta de amplas superficies a “mata rasa” é dicir, sen deixar nada en pé é “un método que arrasa con todo e que provoca que os terreos sexan rapidamente colonizados polas acacias, especie invasora e sen valor comercial”.
Outro factor a ter en conta é que as talas a mata rasa en terreos con gran pendente aumenta o risco inundación, xa que as arbores non reteñen as augas e se poden acumular nas zonas dos ríos que se topan co efecto barreira da AP-9.
Ademais de esixir que non se realicen novas cortas con este sistema esixen que se actúe para reparar a desfeita na zona repoboando a zona xa cortada con especies autóctonas para evitar a degradación do solo.