Medio Ambiente advírtelle, segundo explican dende AER, de que “no caso de non atender este requerimento daráselle traslado ao servizo xurídico co fin de que sexa incoado o expediente sancionador que proceda”. A Agrupación de Electores asegura que o informe lles da a razón logo de que a formación presentara unha denuncia ante Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente polos métodos “agresivos” de limpeza das algas que supoñían a “destrución do sistema intermareal”.
AER mostra o súa satisfacción “xa que o informe avala o método de limpeza de praias empregado pola agrupación durante os dous anos que formou parte do goberno de Redondela”.
A Agrupación de Electores presentara unha denuncia ante a Dirección de Cambio Climático da Xunta de Galicia por entender que os medios de limpeza empregados polo equipo da alcaldesa en Cesantes e A Punta, unha vez que se lles retirou a competencia nesta área, eran contrarios aos contemplados nestes areais do municipio, pertencentes á Rede Natura 2000. Aseguran que unha vez en mans do PSOE procedeuse a “facer unha retirada total de algas con maquinaria en zonas non permitidas legalmente nunha zona protexida”.
Neste sentido apuntan que o uso da maquinaria pesada ten que contar cunha “autorización expresa do organismo autónomo competente en materia de Conservación da Natureza” e baixo unhas circusntancias moi precisas como cando a “gran cantidade de argazos acumulados e restos doutros tipos así o aconsellen e cuxa retirada manual sexa especialmente custosa ou gravosa para as administracións” ou “tralo paso dun temporal” e, en todo caso, ““non se autoriza o emprego de pala escavadora, ou similar”. Ante todo isto, o informe conclúe que “neste servizo provincial non consta que o Concello de Redondela teña solicitada autorización para introducir maquinaria pesada nas praias de Cesantes e A Punta, nin para a retirada de algas da zona intermareal”.
AER lembra que, mentres estiveron no goberno, respectaron escrupulosamente a lexislación e as medidas indicadas no informe da Consellería de Medio Ambiente e que foi o actual goberno redondelán en minoría quen as rompeu durante a época estival.
“Como agrupación política na oposición, AER denunciará as veces que sexan necesarias prácticas contrarias á norma por parte do goberno de Digna Rivas, e seguirá traballando no seu compromiso por Redondela” conclúe a formación.
Dende o Concello aseguran que as algas sempre se recolleron de xeito manual, tanto antes como despois do traspaso de competencias da Concellería de Medio Ambiente a Medio Mariño e negaron que se tiveran usado escavadoras nas praias. Dende a alcaldía insisten en que “os medios utilizados son exactamente os mesmos, co mesmo método de traballo e a mesma maquinaria que xa entón se utilizaba por parte da Concellería que dirixía Roberto Villar”.