O BNG urxe a investigar a situación da planta regasificadora localizada na zona de protección do tramo da vía férrea entre Redondela-Vigo Guixar e que, segundo denuncian, non contaría coas autorizacións necesarias para operar. Os nacionalistas alertan do perigo de manter o depósito de regasificación na localización actual e reclaman ao Goberno do Estado que actúe. Un temor que xa denunciaban meses atras os veciños da zona quen alertaban de que “aos malos cheiros e vertidos da fábrica de fariñas de peixe súmabase o perigo potencial dun depósito destas características”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado leve a cabo as actuacións necesarias para retirar a planta satélite de Gas Natural Licuado e de Regasificación na zona de servidume do tramo da vía férrea Redondela-Vigo-Guixar. A formación nacionalista considera urxente retirar a planta polo risco potencial para a veciñanza en caso de explosión ou por emisión de gases, pero tamén polo risco de accidente para executar o proxecto de modernización da rede ferroviaria.
Neste sentido, a formación nacionalista quere saber se o Goberno do Estado autorizou esa construción e se ten constancia dalgunha solicitude para a instalación desta planta por parte da empresa. Segundo a información á que a veciñanza tivo acceso a empresa AUCOSA construíu esta planta de regasificación sen contar co preceptivo título expedido polo Concello de Redondela, que permitiría unha ampliación das instalacións pero non especificamente este tipo de infraestrutura.
Unha instalación que o voceiro do BNG en Redondela, Xoán Carlos González, entende que se fixo “pola porta de atrás e sen contar cos permisos necesarios”.
O Bloque insta a todas as administración a involucrarse neste tema e loitar polo traslado dunha empresa “que non precisa de estar asentada no litoral e que está a conculcar os dereitos da veciñanza”.