A aula CEMIT de Chapela acollerá os días 1 e 2 de outubro uns obradoiros para a rapazada entre 8 e 15 anos con contidos adaptados a cada franxa de idade, promovidos pola Asociación de Software Libre Agasol e en colaboración co Concello. Aprender a programar, achegarse á intelixencia emocional ou crear un circuíto eléctrico son algunhas das ensinanzas ás que se achegarán os participantes
Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para acadar maiores oportunidades de negocio e unha maior interlocución entre o sector e outros axentes da economía, da administración e da sociedade, procurando un modelo de sociedade do coñecemento para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles ese progresos.
Entre as súas actividades, atópanse estes obradoiros con temáticas adaptadas ás idades dos participantes. Así, faranse dous grupos por idades: De 8 a 11 anos e de 12 a 15 anos.
O profesorado adapta os contidos ás características de cada grupo, introducindo cuestións como igualdade, sentido crítico ante a tecnoloxía ou o seu uso de xeito creativo, a colaboración e o traballo en equipo así como a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
Os contidos para estes catro Obradoiros que se ofrecen dende o Concello de Redondela son:
Tarxeta micro:bit, para aprender a programar de xeito fácil e divertido.
Maching learning for kids: ferramenta para achegarse á Intelixencia Artificial.
Makey Makey: kit de creación interactivo para experimentar, investigar, ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch.
Circuítos en papel: crearase un circuíto eléctrico co obxectivo de facer billar un LED nun papel ou tela, tamén podemos incluír diferentes sensores e actuadores e facer cómics, postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva.
Os talleres serán venres 1 de outubro de 16.00 h a 17.30 h para rapazada de 8 a 11 anos e de 18.00 h a 19.30 h para rapazada de 12 a 15 ano. O sábado será de 10.30 h a 12.00 h para rapazada de 8 a 11 anos e de 12.30 h a 14.00 h para rapazada de 12 a 15 anos.