A limpeza tivo lugar o pasado domingo e estaba enmarcada XIV Limpeza simultánea do Proxecto Ríos promovido por Adega na que participaron 51 concellos de toda Galicia. En Redondela a iniciativa contou coa colaboración do Concello e estivo liderada polo Colectivo Artelixo no Pexegueiro e pola Asociación de Veciños de Chapela no Maceiras.
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos. Apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc… As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras.
Dende a Asociación de Chapela apuntan ademais que entre os materiais contaminantes atopados incluso hai restos dun vehículo enteiro descompoñéndose ao que engaden a existencia de vertidos que se intúa polo fedor e turbidez que presenta este regato da parroquia. Neste sentido volven facer un novo requirimento público a Augas de Galicia da Xunta de Galicia e a o Concello de Redondela para que tomen medidas efectivas para rexenerar este tramo do río da grave contaminación que padece.
No Maceiras-Espiñedo en Chapela participaron un total de 39 persoas entre as que se atopaban alumnos do IES O Castro. En Redondela a actuación desenvolveuse na canle do Pexegueiro coa participación de 20 voluntarios que acudiron ao chamamento do colectivo Artelixo.
En toda Galicia os residuos retirados nesta xornada de limpeza suman máis de 13 toneladas, unha iniciativa que máis aló da acción de retirada de lixo quere ser un medio para concienciar á sociedade e denunciar a situación dos ríos.