A alcaldesa comparecía onte no pleno a petición de AER para explicar o acontecido coa recollida das algas nos areais do concello. Un tema polémico que provocou a ruptura do goberno local ao retirar Digna Rivas as competencias nesta materia ao que era o edil de Medio Ambiente naquel momento Roberto Villar.
Un longo debate que deixou poucas novidades, agás o anuncio por parte da alcaldesa de que a Xunta procedeu a arquivar a denuncia presentada por AER ante a Consellería de Medio Ambiente polo suposto uso de maquinaria pesada na extracción de algas nas praias de Cesantes “unha vez se lle enviaron dende o Concello os informes que acreditan que esa retirada se está a facer de xeito manual”.
Con todo, o debate principal xirou en torno as diferentes formas de actuar neste asunto por parte dos que foran socios de goberno. Dende AER afirmábase que en todo momento o que se fixo foi aplicar a normativa europea que establece que nun habitat de especial protección como é a praia de Cesantes “a recollida ten que ser parcial nas épocas de verán e non se pode facer durante o resto do ano”. Insistía en que os cambios nesa recollida “non foron un capricho deste concelleiro, foi a necesidade de cumprir unha normativa que non se estaba a aplicar”.
Discrepaba a alcaldesa ata o punto de acusar a Villar de actuar só en base a intereses persoais “o que provocou malestar na cidadanía e incluso impediu que os usuarios dos areais mantivesen a distancia obrigada pola pandemia no verán do 2020”. Reiteraba unha vez máis que “nunca se empregou maquinaria pesada para recoller as algas, que sempre se fixo de xeito manual e que só se usou un tractor para o seu traslado aos contenedores de Urbaser”. A diferenza insistía a alcaldesa “é que agora se recollen todas as algas e non se fai unha recollida parcial”.
Engadía Rivas que malia que a retirada de competencias a AER supuxo a ruptura do pacto de goberno “volvería tomar a mesma decisión, porque as praias hai que telas en condicións para o disfrute da veciñanza, algo que é compatible co respecto ao medio ambiente”.
Pechaba a súa intervención o edil de AER abrindo unha vez máis a porta a unha moción de censura e instando ao PP que “se tanto miran por Redondela nós estamos dispostos a escoitar calquera proposta”.
Unha comparecencia que se prolongaba durante máis de hora e media e que impedía que se debateran o resto das mocións previstas, entre elas unha solicitada pola Plataforma de afectados pola AP-9 que reclamaban a convocatoria urxente da comisión de seguimento para abordar a reposición de viais ou a instalación de pantallas acústicas na parroquia de Chapela.