A obra poderase ver este domingo ás 18.30 horas con entrada de balde previa invitación no Multiúsos. A peza, dirixida por Fina Calleja e producida por Culturactiva, chega a Redondela da mán do departamento de Lingua da Deputación.
A peza teatral ‘Rosalía. O lugar onde medran as poetas’ trata de achegar ao público unha Rosalía aínda nena nun momento crucial da súa vida. “As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi unha nena alegre que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor”, explican dende a compañía teatral.
Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia.
Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsable de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís, e forman o reparto as dúasactrices Rocío González e Cristina Collazo, dúas imprescindibles nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.